segunda-feira, 30 de maio de 2011

Comunicado de Anabad-Galicia pelo corte nos orçamentos das bibliotecas públicas

COMUNICADO PÚBLICO

A Asociación ANABAD-Galicia que agrupa os profesionais dos servizos de arquivos, bibliotecas e centros de documentación de Galicia, quere manifestar a súa preocupación coa situación actual das partidas orzamentarias destinadas ás bibliotecas públicas.
No mes de abril celébranse dúas datas importantes para a promoción do libro e da lectura: o 2 de abril Día Internacional do Libro Infantil e o 23 de abril, Día Internacional do Libro. Ao redor destas datas moitas bibliotecas organizan actividades destinadas a celebrar estas efemérides e para isto aproveitan as axudas que a Xunta de Galicia facilita a través dos programas de cofinanciamento.
O Cofinanciamento é un modelo de axudas no que a Xunta de Galicia aporta unha cantidade económica en función do orzamento que cada concello determine para as súas bibliotecas. Principalmente realízanse dous programas de cofinanciamento:
  • o modelo de cofinanciamento para Adquisicións de fondos documentais e
  • o modelo de cofinanciamento para a realización de actividades de animación, o programa Letras Vivas.
Este ano, ao recorte nos orzamentos realizado polos Concellos nas bibliotecas e na cultura, debido á situación económica dramática na que se encontran moitos deles, súmase o recorte realizado pola Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos que supón un corte dramático para moitas bibliotecas públicas que contan, en boa medida, con estas axudas para poder realizar actividades e incrementar os seus fondos.
1) O programa de cofinanciamento para a adquisición de fondos documentais realizado pola Xunta de Galicia, en colaboración co Ministerio de Cultura, foi directamente eliminado das axudas para o ano 2011 para bibliotecas públicas municipais.
Este convenio entre a Xunta e o Ministerio ascendía a 2,5 millóns de euros (ao 50% entre as dúas entidades) e significou un grande incremento dos fondos documentais nos últimos anos nas bibliotecas galegas, procurando acadar nelas a media, de entre 1,5 e 2,5 documentos por habitante, que marcan as recomendacións dos organismos internacionais: a IFLA e a UNESCO. (En Galicia encóntrase, con datos do 2009, en 1,62 doc./habitante).
No ano 2010 a partida xa se veu reducida, e mediante este convenio foron distribuídos perto de 1 millón de euros, do que se beneficiaron as bibliotecas de 111 concellos ás que se lles concederon axudas para a mellora da colección bibliográfica mediante a adquisición de fondos documentais.

Este ano moitos usuarios das bibliotecas non poderán desfrutar da lectura de novidades literarias ao ser eliminada esta partida. Ás bibliotecas só se enviarán fondos da compra que a Dirección Xeral realiza ás editoras galegas, e que chegan normalmente con moito atraso sobre a data de edición. O que poderían ser novidades convértense en libros xa obsoletos ou repetidos xa que, en moitos casos, as bibliotecas xa compraron con anterioridade eses mesmos títulos coa súa propia partida orzamentaria.
2) Por outro lado, o programa Letras Vivas é unha vantaxe tanto para as bibliotecas como para os creadores e animadores que participan do programa. Facilita o encontro entre os creadores e os usuarios e a realización de actividades de animación: música, teatro, obradoiros, contacontos, encontros con escritores... que en moitos casos non se poderían realizar en bibliotecas que, polo seu tamaño e orzamento, nunca poderían realizar por si propias.
No ano 2010, 107 bibliotecas municipais e as 6 bibliotecas nodais, desfrutaron das axudas para este programa de animación que levou ás bibliotecas 1.028 actividades con un orzamento de 354.589€
Con data de 12 de Abril foi enviada carta desde a Subdirección Xeral de Bibliotecas no que se avisa do recorte desta partida orzamentaria no que se especifica que se aportará un máximo de 459€ por biblioteca para a realización de actividades e pídeselle ás bibliotecas que estas actividades se concentren nos meses de abril e maio. Isto quere dicir que a partida deste ano para actividades de animación nas bibliotecas contará con ao redor de 50.000€ contando que o número de bibliotecas solicitantes sexa similar ao do ano 2010.
As bibliotecas non van poder realizar as actividades que tiñan previsto para este ano, xa que estaban programadas en función dunhas cantidades económicas que non van recibir e ademais progrmadas para ser realizadas ao longo do ano, e non concentradas nos meses de Abril e Maio como se propón desde a Subdirección xeral de Bibliotecas.
Moitas bibliotecas renunciarán a estas axudas ao non contar con tempo suficiente para poder organizar actividades, no período previsto desde a administración para esta primavera, o que significa unha falta de planificación na administración das súas partidas orzamentarias que deberían coñecerse con suficiente anterioridade.
3) Formación: o borrador da Lei de Bibliotecas de Galicia recolle como obriga da Dirección Xeral de Cultura a planificación dos sistemas bibliotecarios galegos e a formación dos profesionais das bibliotecas da rede. Sen embargo, o programa de formación do persoal que traballa nas bibliotecas foi eliminado para este ano. No ano 2010 realizáronse 15 actividades formativas nas que participaron 365 profesionais, actividades para as que se destinou unha cantidade de 62.000€.

Aínda entendendo que nunha situación de crise económica como a actual todos os servizos públicos deben recortar os seus gastos, ante estes feitos queremos denunciar:
  • O abandono que se produce nos servizos públicos de bibliotecas que ven en gran parte recortados os seus orzamentos non podendo prestar servizos de calidade.
  • O recorte dos gastos de cultura e bibliotecas realizado nos servizos de proximidade como as bibliotecas públicas mentres se destinan partidas a actividades de promoción da Biblioteca e do Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, para un público pouco numeroso e con actividades máis específicas que non chega ao público en xeral, é dícir á maioría da cidadanía, ao contrario das actividades que se poderían realizar nas bibliotecas públicas.
  • As bibliotecas públicas son un servizo que crece ano a ano, tal e como se demostra nas estatísticas de bibliotecas públicas publicadas polo Ministerio de Cultura, as últimas correspondentes ao ano 2009. (http://www.mcu.es/alziraweb/m1.asp?A=2008&P=A)
  • As bibliotecas están incrementando os seus usuarios e a demanda de documentos ante unha situación de crise no que a cidadanía busca aforrar diñeiro deixando de comprar documentos, que demandan nas bibliotecas, ou utilizando estas para a procura de información sobre ofertas de emprego, preparación de oposicións... Ante esta situación as bibliotecas non poden satisfacer esas demandas nin ofertar novos servizos.
  • Existe un desequilibrio na composición das plantillas do persoal das bibliotecas nodais. Por unha banda atopamos unha serie de postos eminentemente administrativos (auxiliares administrativos, subalternos, ordenanzas, etc.) que non son especialmente relevantes para o desenvolvemento do traballo bibliotecario. E por outra banda, as bibliotecas públicas carecen de postos que cubran as novas demandas e necesidades dos usuarios (informática, desenvolvemento de actividades culturais, etc.).
Das estatísticas do Ministerio de cultura para Galicia, podemos indicar aquelas que demostran o incremento nos últimos anos debido sobre todo aos programas de cofinanciamento:




2008
2009
Fondo documental
69.243.134
72.142.823
Visitantes nas bibliotecas
4.773.292
4.871.680
Socios
558.167
642.039
Préstamos por usuarios
1.874.625
2.056.753
Actividades
11.301
12.205
Persoal
774
794


Ante estes feitos propoñemos:
  • Que a Consellaría de Cultura se comprometa publicamente coas bibliotecas públicas e destine as partidas orzamentarias suficientes para desenvolver a política de promoción á lectura que lle corresponde ao un país do noso nivel de desenvolvemento.
  • Que a Dirección Xeral do Libro reconsidere o recorte nas partidas destinadas ás bibliotecas públicas, en especial ao cofinanciamento de adquisición de fondos e para as actividades de animación a través do programa Letras Vivas para que as bibliotecas conten con partidas suficientes para poder prestar con calidade os servizos para os que foron creadas.
  • Que se racionalicen os cadros de persoal das bibliotecas públicas tomando as medidas oportunas para reducir prazas administrativas creando no seu lugar prazas de auxiliares e de técnicos de bibliotecas e prazas, naqueles postos citados máis arriba, que cubran as demandas da cidadanía: informática, actividades culturais... Faise necesario tamén regularizar e profesionalizar a situación do persoal que traballa nas bibliotecas públicas municipais, en moitos casos en situación de precariedade e irregularidade.
  • Que as administracións públicas, Concellos e Xunta de Galicia, prioricen as partidas orzamentarias destinadas á cultura e ás bibliotecas públicas como medio de investir en educación, formación e ocio, como demandan as recomendacións internacionais e como medida de enfrentar a crise, facilitando o contar con cidadanía máis formada, como se recolle na Declaración de Murcia sobre la acción social y educativa de las bibliotecas públicas en tiempos de crisis (http://brmu.blogspot.com/2010/02/decalogo-sobre-la-accion-social-y.html)
  • A Lei do Libro e da Lectura de Galicia, especifica que o órgano asesor, o Consello do Libro, debe reunirse cunha periodicidade de 6 meses, do que o último celebrado foi en abril de 2010. Queremos desde ANABAD-Galicia solicitar tamén unha reunión con carácter de urxencia deste Consello asesor.
Para buscar solucións a esta problemática a Asociación ANABAD-Galicia solicitou, con data 18 de abril, reunión co Conselleiro de Cultura e co Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

Na Coruña a 19 de Abril de 2011

Sem comentários: